Saturday 27 de April de 2024

A Coruña celebra desde esta fin de semana o primeiro Cecía-Fest para conmemorar o Día Internacional da Música


Agrupacións musicais locais actuarán en distintos espazos singulares da cidade durante os próximos días

A Coruña acolle a partir deste sábado o primeiro CecíaFest, unha iniciativa musical organizada polo Concello e o IMCE para conmemorar a celebración do Día Internacional da Música este domingo 22 de novembro.

Durante as dúas próximas fins de semana haberá actuacións na rúa, en lugares singulares espallados polos barrios da cidade. É o caso dos Museos Científicos Coruñeses, que estes días celebran a Semana da Ciencia. A Casa das Ciencias ou o Aquarium Finisterrae acollerán concertos de agrupacións locais.

A maior parte das actuacións homenaxearán a personalidades emblemáticas e relacionadas coa Coruña. Personalidades como Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Picasso, Casares Quiroga, Luis Seoane ou Enrique Mariñas recibirán o seu tributo. Participarán nesta iniciativa entidades musicais da cidade como corais polifónicas, grupos de baile galego, bandas de distintos estilos, orquestras…

Entre as actuacións desta fin de semana destaca a homenaxe á música de verbenas e á figura de Sito Sedes coa actuación da Orquesta Los Satélites e o músico coruñés en Matogrande este domingo ás 17.30 horas na rúa Sebastián Martínez Risco. Haberá sesións para todos os públicos, como o espectáculo ‘Cantando con Ceci’.